ADN mitocondrial

ADN mitocondrial humano.
Imaxe de microscopio electrónico do ADN mitocondrial. Barra de 200 nm. (A) Sección do citoplasma despois dun inmunomarcado con ouro con anti-ADN; as partículas de ouro que marcan o ADN atópanse preto da membrana mitocondrial. (B) Vista do citoplasma despois da extracción con tampón CSK e inmunomarcado con ouro con anti-ADN; o ADNmt (marcado coas partículas de ouro) resiste a extracción. De Iborra et al., 2004.[1]

O ADN mitocondrial ou ADNmt (en inglés mtDNA) é o ADN que se encontra dentro das mitocondrias celulares, orgánulos eucariotas que fabrican a maior parte do ATP (molécula que almacena e cede enerxía na célula) a partir da enerxía obtida na oxidación dos alimentos. Porén, a maioría do ADN presente nas células eucarióticas está no núcleo celular.

O ADN mitocondrial pode considerarse como o noso "cromosoma" máis pequeno, aínda que é bastante distinto dos verdadeiros cromosomas do núcleo. Foi a primeira parte do xenoma humano que foi secuenciada. Nos humanos e na maioría das especies hérdase só da nai.

Coñécese a secuencia do ADNmt de moitos organismos e individuos (incluíndo algúns extinguidos), e a súa comparación é moi importante en filoxenia. Permite tamén un exame das relacións entre poboacións humanas, moi interesante en antropoloxía.

  1. Iborra FJ, Kimura H, Cook PR (2004). "The functional organization of mitochondrial genomes in human cells". BMC Biol. 2: 9. PMC 425603. PMID 15157274. doi:10.1186/1741-7007-2-9. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne