O ARNm precursor ou pre-ARNm (ou pre-mRNA) é un ARNm monocatenario inmaturo, que orixinará o ARNm definitivo despois de sufrir un procesamento nos eucariotas. O pre-ARNm sintetízase a partir dun molde de ADN (o xene ou unidade de transcrición) situado no núcleo celular. O pre-ARNm é moito máis grande ca o ARNm definitivo.
O pre-ARNm comprende a gran maioría do chamado ARN heteroxéneo nuclear ou ARNhn [1] (ou tamén ARN nuclear heteroxéneo ou hnRNA). O termo ARNhn é máis antigo, xa que unha das primeiras características utilizadas para distinguir os ARNs do núcleo foi o seu tamaño, e inclúe todos os transcritos da ARN polimerase II [1]. A miúdo utilízase ARNhn como sinónimo de pre-ARNm, aínda que en senso estrito, o ARNhn pode incluír transcritos de ARN nuclear que non acaban orixinando un ARNm citoplasmático.
A maduración do pre-ARNm nos eucariotas ten lugar no núcleo. Unha vez que o pre-ARNm foi completamente procesado, pasa a denominarse "ARNm maduro" ou simplemente "ARNm", que se unirá a un ribosoma citoplasmático para ser traducido a proteínas.
O pre-ARNm é un transcrito primario, xa que é o produto de ARN monocatenario tal como é sintetizado durante a transcrición do ADN, que despois é procesado para dar o produto de ARN maduro, neste caso o ARNm maduro, pero o termo tamén se utiliza para os transcritos iniciais doutros tipos de ARN como o ARNt e ARNr.