ATR 72

ATR 72
ATR 72 de Norra
Tipoavión rexional
FabricanteATR
Primeiro voo27 de outubro de 1988
Introducido27 de outubro de 1989
Estadoen servizo
Produción1988 - presente
Unidades construídas1 000 (xullo de 2018)

O ATR 72 é un avión rexional de curto alcance con dous motores turbohélice construído polo fabricante franco-italiano ATR. Trátase dunha variante alongada do ATR 42 e pode levar 78 pasaxeiros nunha única clase. O número "72" do seu nome é unha referencia á capacidade típica de asentos.

Durante os anos 80 a compañía aeroespacial francesa Aérospatiale e o conglomerado italiano Aeritalia comezaron a traballar conxuntamente nunha nova xeración de avión rexional. Creouse unha nova compañía conxunta, ATR, para desenvolver, fabricar e comercializar o seu primeiro avión de pasaxeiros, que posteriormente foi designado ATR 42. O 16 de agosto de 1984 o primeiro modelo da serie, o ATR 42-300, realizou o seu voo de estrea. A mediados da década desenvolveuse o ATR 72 como unha variante alongada do ATR 42. O 27 de outubro de 1989 Finnair converteuse na primeira aeroliña en operar o tipo. O ATR 72 tamén é usado como transporte corporativo, avión de carga e avión de patrulla marítima.

Ata a data, todos os avións da serie ATR completáronse na liña de montaxe final da xompañía en Tolosa, Francia; ATR beneficiase de compartir recursos e tecnoloxía con Airbus SE, que mantén o 50% da empresa. Desenvolvéronse modelos sucesivos do ATR 72. As actualizacións típicas incluíron unha nova aviónica, como unha cabina de vidro, e a adopción de versións de motores máis novas para ofrecer un rendemento mellorado, como unha maior eficiencia e fiabilidade, e reducións nos custos operativos. O avión comparte un alto grao de similitude co máis pequeno ATR 42, que a mediados de 2023 aínda se mantiña en produción.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne