Os Acordos de Abraham son a denominación empregada para referirse ao proceso de normalización diplomática, auspiciado polos Estados Unidos, entre países de maioría islámica e Israel a partir do ano 2020. Orixinalmente, os Acordos de Abraham eran unha declaración conxunta entre o Estado de Israel, os Emiratos Árabes Unidos, e os Estados Unidos, feita o 13 de agosto de 2020.[1] Mais logo tamén se empregou para referirse aos acordos para manter relacións diplomáticas formais entre Israel e Emiratos Árabes Unidos e Bahrain, e por extensión a outros como Marrocos e Sudán.
Os Acordos de Abraham supuxeron a primeira normalización diplomática entre un país árabe e Israel dende 1994, cando o fixera Xordania. Os tratados orixinais foron asinados o 15 de setembro de 2020 nos xardíns da Casa Branca en Washington, D.C., polo ministro de exteriores emiratí Abdullah bin Zayed bin Sultan Al Nahyan, o seu homólogo de Bahrain Abdullatif bin Rashid Al Zayani, o primeiro ministro de Israel Benjamin Netanyahu, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Os negociadores foron Jared Kushner e Avi Berkowitz, conselleiros do presidente dos Estados Unidos.[2][3]
A intitulación oficial do acordo entre Emiratos Árabes Unidos e Israel é Acordos de paz de Abraham: tratado de paz, relacións diplomáticas e normalización plena entre os Emiratos Árabes Unidos e o Estado de Israel.[4][5] Mentres que o pacto entre Bahrain e Israel denomínase Acordos Abraham: Declaración de paz, cooperación e relacións amigables e diplomáticas e foi anunciado polos Estados Unidos o 11 de setembro de 2020.
A referencia a Abraham buscouse para destacar a orixe común das crenzas do xudaísmo e do islam, ambas as dúas relixións, abrahámicas e monoteístas, recoñecen como patriarca a Abraham e baseánse na louvanza ao seu Deus.[6]
Posteriormente, outros países musulmáns sumáronse aos Acordos de Abraham recoñecendo ao Estado de Israel e abrindo relacións diplomáticas con el. Deste xeito, Marrocos normalizou as súas relacións con Israel en decembro de 2020 logo de que os Estados Unidos recoñeceran a súa soberanía sobre o Sáhara Occidental;[7] tamén Sudán, a partir de xaneiro de 2021, adheriuse á declaración tras serlle retirada a cualificación de "estado patrocinador do terrorismo" e de recibir axuda financeira dos Estados Unidos.[8][9]