Adaptacionismo

O adaptacionismo é a idea darwinista de que moitas características ou trazos físicos e psicolóxicos dos organismos son adaptacións orixinadas na evolución. O panadaptacionismo é a forma forte desta idea, que deriva da síntese evolutiva moderna de inicios do século XX, que considera que todos os trazos son adaptacións, unha formulación que agora é compartida por poucos biólogos.[1] Os adaptacionistas agora realizan investigacións para tratar de describir as adaptacións (por exemplo, sobre o cordón umbilical) a partir dos seus subprodutos (por exemplo, o embigo) ou a variación aleatoria (por exemplo, a forma cóncava ou convexa do embigo). A obra de George Williams Adaptation and Natural Selection (1966) tivo moita influencia no seu desenvolvemento; nela definíanse algunhas das técnicas heurísticas utilizadas para identificar as adaptacións.

Entre os defensores de máis sona do adaptacionismo están John Maynard Smith, W.D. Hamilton, Richard Dawkins e Daniel Dennett. O adaptacionismo foi criticado por autores como Stephen Jay Gould e Richard Lewontin.

  1. Koonin, Eugene V. (November 2009). "The Origin at 150: is a new evolutionary synthesis in sight?". Trends in Genetics 25 (11): 473–475. PMID 2784144. doi:10.1016/j.tig.2009.09.007. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne