Aeroporto de Toronto-Pearson Toronto Pearson International Airport
Aéroport international Pearson de Toronto | |||
---|---|---|---|
Sumario | |||
Tipo | público | ||
Propietario | Transport Canada | ||
Operador | Greater Toronto Airports Authority | ||
Cidade/Illa | Toronto | ||
Elevación (msnm) | 173 metros / 569 pés | ||
Coordenadas | |||
Web | |||
Pista(s) | |||
Dirección | Longo | Superficie | |
metros | pés | ||
05/23 | 3 389 | 11 120 | asfalto/formigón |
06L/24R | 2 956 | 9 697 | asfalto |
06R/24L | 2 743 | 9 000 | asfalto |
15L/33R | 3 368 | 11 050 | asfalto |
15R/33L | 2 770 | 9 088 | asfalto |
Estatísticas (2016) | |||
Pasaxeiros | 44 335 198 |
O aeroporto internacional de Toronto Pearson (IATA: YYZ, ICAO: CYYZ), chamado oficialmente aeroporto internacional Lester B. Pearson, é un aeroporto que serve á cidade canadense de Toronto, en Ontario, ademais de servir tamén á súa área metropolitana e á Golden Horseshoe, unha aglomeración urbana de 9,2 millóns de persoas.[1] O aeroporto atópase a 22,5 km ao noroeste do centro de Toronto, estando case todas as súas instalacións na cidade adxacente de Mississauga, estendéndose unha pequena parte cara Etobicoke, o distrito máis occidental de Toronto.[2] O aeroporto foi bautizado na honra do nativo de Toronto Lester Bowles Pearson, Premio Nobel da Paz e 14º Primeiro Ministro do Canadá.
O aeroporto de Pearson é o máis grande e concorrido do Canadá. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións 44 335 198 pasaxeiros en 456 536 operacións,[3] facéndoo o 32º aeroporto máis concorrido do mundo en tráfico de pasaxeiros, o 22º en pasaxeiros internacionais e o 15º en número de operacións. Pearson é tamén o segundo aeroporto con máis pasaxeiros internacionais de toda Norteamérica, despois do Aeroporto Internacional John F. Kennedy de Nova York.[4]
Pearson é o principal centro de conexións para Air Canada.[5][6] Tamén é un centro de conexións para a aeroliña de pasaxeiros WestJet e a de carga FedEx Express, e serve como base operativa para Air Transat e Sunwing Airlines. O aeroporto Pearson está operado pola Greater Toronto Airports Authority (GTAA) que forma parte do Sistema Nacional de Transportes do Canadá.
Varias aeroliñas operan unha extensa rede de voos domésticos sen escalas dende Pearson cara todas as principais cidades de todas as provincias do Canadá.[7] No ano 2017 operaban en Pearson máis de 75 aeroliñas, cuns 1 100 saídas diarias a máis de 180 destinos de todos os continentes.