Airspeed Envoy | |
---|---|
![]() | |
Tipo | transporte |
Fabricante | Airspeed Ltd |
Deseñado por | A. H. Tiltman |
Primeiro voo | 26 de xuño de 1934 |
Introducido | 1934 |
Retirado | 1951 |
Produción | 1934 - 1939 |
Unidades construídas | 52 |
O Airspeed AS.6 Envoy foi un avión de transporte lixeiro bimotor deseñado e producido polo construtor británico Airspeed Ltd.
O Envoy orixinouse como un derivado pesado bimotor do transporte lixeiro Airspeed Courier. Compartindo moito do seu deseño co avión anterior, foi relativamente doado de desenvolver. A confianza no proxecto era tan alta que unha semana despois do voo inaugural do prototipo, estaba actuando como un avión de exhibición para o público. A produción do Envoy iniciouse antes dese primeiro voo. Dende moi cedo, Airspeed traballou en estreita colaboración co fabricante británico de motores Wolseley Motors como un provedor clave do Envoy; o desenvolvemento posteriormente ramificouse a unha gran variedade de motores e configuracións.
A maioría dos Envoys foron fabricados por Airspeed nas súas instalacións no aeródromo de Portsmouth, en Hampshire. O tipo tamén foi fabricado no estranxeiro en Xapón por Mitsubishi tras a adquisición dunha licenza. A compañía nipona fabricouno na súa fábrica de Nagoya e localmente foi coñecido como Mitsubishi Hinazuru-type Passenger Transport. Aínda que moitos clientes do Envoy eran civís, onde foi usado para múltiples propósitos como avión de carreiras ou de pasaxeiros, tamén voou con operadores militares. O Convertible Envoy desenvolveuse para Suráfrica, que buscaba un modelo que puidese reconfigurarse rapidamente entre tarefas civís e militares, que puidese equiparse para ser usado como bombardeiro lixeiro e como avión de recoñecemento en usos militares. O Envoy foi a base do Airspeed Oxford, un avión de adestramento militarizado operado en grandes cantidades polos aliados na época da segunda guerra mundial.