Aleksei Nikolaevich Romanov (en ruso: Алексе́й Никола́евич Ромáнов), nado en Peterhof o 12 de agosto de 1904 e finado en Ekaterimburgo o 17 de xullo de 1918, foi o derradeiro tsarévich de Rusia. Foi o quinto fillo e único home nado do matrimonio entre o tsar Nicolao II de Rusia e Alexandra Fedorovna. Naceu con hemofilia, o que provocou o achegamento da súa nai ao staretz Grigorii Rasputin para que tratara a enfermidade, o que supuxo un importante factor debilitante da dinastía Romanov.
Trala Revolución de Febreiro de 1917, Aleksei e a súa familia permaneceron baixo arresto domiciliario primeiro en Tsarskoe Selo e máis adiante en Tobolsk e Ekaterimburgo. Foi asasinado xunto aos seus pais, irmás e outros catro reféns durante a guerra civil rusa por orde do goberno bolxevique. Os rumores de que sobrevivira mantivéronse ata o ano 2007 cando se descubriron os seus restos e os dunha das súas irmás. O 17 de xullo de 1998, no 80º aniversario do seu asasinato, a familia foi formalmente soterrada e máis adiante, no ano 2000, canonizada como portadores da paixón pola Igrexa Ortodoxa Rusa.