A alfa-queratina (α-queratina), é un tipo de proteína queratina que se encontra nos mamíferos. Esta proteína é o principal compoñente do pelo, cornos, uñas e a capa epidérmica da pel. A α-queratina é unha proteína estrutural fibrosa, xa que os seus aminoácidos forman unha estrutura secundaria repetida. A estrutura secundaria da α-queratina é moi similar á das proteínas típicas en hélice α e forma unha hélice superenrolada.[1] Debido á súa estrutura apertadamente enrolada, pode funcionar como un dos materiais biolóxicos máis fortes e ten varios usos nos mamíferos, desde a de formar gadoupas predadoras a pelos para abrigarse. A α-queratina sintetízase polos procedementos normais, pero cando a célula madura está chea de α-queratina, e morre, creando unha forte unidade non vascularizada de tecido queratinizado.[2]