En bioloxía, unha especie altricial é aquela na que as crías non poden moverse lonxe do niño ou lugar de nacemento e valerse por si mesmas pouco despois de eclosionar ou nacer porque o seu estado de desenvolvemento non é completo (por exemplo, nacen cegas ou sen plumas ou pelos ou sen destrezas básicas). A palabra deriva do latín alere, que significa 'criar, nutrir' e indica a necesidade que teñen os individuos novos de ser alimentados e recibir coidados durante un período de longa duración.[1] O termo contrario, aplicado ás especies nas que as crías se poden mover inmediatamente ou pouco despois de nacer, é precocial ou precoz.