O ambiente[1] (ou o medio)[2], en ecoloxía, defínese como os elementos bióticos e abióticos que rodean aos organismos, ou ás poboacións, e que determinan a súa capacidade de supervivencia, o seu desenvolvemento e a súa evolución.[3][4][5][6] O conxunto de condicións externas que afectan a esas condicións poden ser de tipo social e cultural, e nalgúns contextos, incluso políticas e económicas.[4] As dimensións dos ambientes varían desde escalas microscópicas ao conxunto da terra e son incontables. Os ambientes pódense clasificar segundo as súas características, por exemplo, en ambientes mariños, atmosféricos ou terrestres.[5] Cando se lle presta atención aos espazos ocupados polas especies, o termo ambiente adoita ser un sinónimo de hábitat.
Os espazos onde as actividades humanas tiveron un efecto de transformación importante do ambiente "natural", como a construción de cidades e urbanizacións ou transformado a terra en labradío intensivo, pódese definir como ambientes de antroposfera.
↑Gómez Márquez, Jaime; Viñas Díaz, Ana María; González González, Manuel; Villar Docampo, David; Vale Ferreira, Luís; Fresco, Victor; Martínez Calvo, María Liliana (2010). Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés. Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia: Galigraf Galicia. p. 220. ISBN978-84-453-4973-1.
↑A Real Academia Galega define como sinónimos perfectos para este concepto a ambiente e medio, suxerindo ambos sobre do uso de medio ambiente, importado do castelán.
↑Herbert C. Hanson (1962). Dictionary of Ecology. Ambiente: a suma de todos os factores externos que poidan afectar aos organismos.
↑ 5,05,1Peter Collin (2009). Over 7,000 terms clearly defined (6 ed. ed.). A&C Black Business Information and Development. p. 264. ISBN9781408102220.
↑O ambiente defínese como o "conxunto de características externas que afectan o comportamento dun sistema" segundo Gómez Marquez et al. 2010 en "Dicionario de Bioloxía".