Os ameboides, formas ameboides ou simplemente amebas son microorganismos unicelulares caracterizados por ter unha forma irregular cambiante, que forman expansións da célula chamadas pseudópodos.[1]
Falando da morfoloxía do microorganismo os termos ameboide e ameba son intercambiables, mesmo na literatura científica,[2] pero o termo ameba ten ademais un significado máis específico, xa que en certos contextos se pode referir tamén aos protozoos do xénero Amoeba (só a eses). Aparece na literatura moitas máis veces co significado xeral que co específico, xa que hai moitos xéneros ameboides. O adxectivo "ameboide" ás veces aplícase a calquera cousa que teña esa morfoloxía, como un orgánulo, unha bacteria etc.
As amebas (sensu lato) antes clasificábanse todas xuntas no grupo Sarcodinia e máis especificamente dentro dos Rhizopoda, pero hoxe en día están clasificadas en varios grupos taxonómicos, xa que moitos grupos distintos adoptaron formas ameboides.
As palabras ameba e ameboide derivan do grego e significan "cambio de forma", pola súa forma cambiante.