Amstrad CPC

Amstrad CPC 464, con monitor a cores CTM644

O Amstrad CPC foi unha serie de ordenadores persoais de 8 bits producidos por Amstrad durante os anos 80 e a principios dos anos 90. As siglas CPC anunciaban un ordenador persoal a cor (Color Personal Computer), aínda que era posible comprar un CPC tanto con pantalla de fósforo (GT65/66) como con pantalla estándar a cor (CTM640). Comercializado en 1984 e descatalogado en 1990, contaba con procesador Zilog Z80A @ 4 MHz e memoria de 64 a 576 KB. O sistema operativo era o CP/M e contaba ademais con Locomotive BASIC 1.0 e 1.1.

A primeira máquina, o CPC 464 foi presentada en 1984. Deseñada para ser un competidor directo co Commodore 64 e o Sinclair ZX Spectrum, a gama CPC tivo moito éxito: máis de 3 millóns de equipos vendidos durante a vida útil da máquina.

Externamente, o que máis distingue á máquina de Amstrad é a consola (teclado) negro mate coas esquinas agudas e unha forma rectangular (debido á cuberta incrustada da cinta de casete (CPC 464) ou disqueteira (no caso dos modelos CPC 664 e CPC 6128), as teclas especiais do teclado coloreadas e unha única fonte de alimentación cunha conexión que vai do monitor ao ordenador. Tamén era posible utilizar o monitor como pantalla de televisión cun convertedor de TV opcional.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne