Os aneis de Neptuno son un sistema de aneis planetarios moi tenues e febles, compostos principalmente de po cósmico, descubertos en 1989 pola sonda espacial Voyager 2.[1] Aseméllase máis ós aneis de Xúpiter que ós aneis de Saturno ou de Urano.
O sistema consta de cinco aneis que reciben o nome dos astrónomos considerados máis salientables na investigación de Neptuno. Dende o máis interior ó máis exterior son Galle, Le Verrier, Lassell, Arago e Adams; ademais, existe un anel que coincide coa órbita do satélite Galatea.[2] Tres satélites máis, Náiade, Talasa e Despina, orbitan entre os aneis facendo a función de satélites pastores.[3]
O material dos aneis é moi escuro; trátase probablemente de compostos orgánicos producidos pola radiación da magnetosfera do planeta de xeito semellante ó dos aneis de Urano. A proporción de po nos aneis é alta, de entre o 20% e o 70%,[4] mentres que a profundidade óptica é baixa, de menos de 0,1.[5]
O anel Adams inclúe cinco arcos máis brillantes que o resto de aneis denominados Fraternidade, Igualdade 1, Igualdade 2, Liberdade e Coraxe.[2] Os arcos ocupan cada un unha pequena lonxitude orbital do total do anel. A estabilidade dos arcos non está moi clara, xa que no 2005 detectouse un considerable adelgazamento do arco Liberdade.[6] É probable que a estabilidade do anel Adams estea relacionada co satélite Galatea.[7]