A ansiedade (do latín anxietas, 'angustia, aflición'), ansia ou nerviosismo, é unha resposta emocional ou conxunto de respostas que engloban aspectos subxectivos ou cognitivos de carácter displacenteiro, aspectos corporais ou fisiolóxicos caracterizados por un alto grao de activación do sistema periférico, aspectos observables ou motores que acostuman implicar comportamentos pouco axustados e escasamente adaptativos.[1] É unha característica biolóxica do ser humano, que antecede momentos de perigo real ou imaxinario, marcada por sensacións corporais desagradables tales como unha sensación de baleiro no estómago, corazón batendo rápido, medo intenso, aperto no tórax, transpiración etc
A ansiedade ten unha función moi importante relacionada coa supervivencia, canda o medo, a ira, a tristeza ou a felicidade. Actualmente estímase que un 20,5% ou máis da poboación mundial sofre algún tipo de trastorno de ansiedade, xeralmente sen sabelo.
A nivel patolóxico, a ansiedade non xorde na vida da persoa por unha escolla. Existen vivencias interpersoais e problemas na primeira infancia que poden ser importantes e causas desta. Alén diso, existen causas biolóxicas como anormalidades químicas no cerebro ou problemas hormonais. As persoas ansiosas teñen un vasto número de síntomas. Moitos resultan dun aumento da estimulación do sistema nervioso vexetativo ou autónomo, que controla o reflexo ataque-fuga. Outros son somatizacións, é dicir, que os doentes converten a ansiedade en problemas físicos, incluíndo dores de cabeza, males intestinais, tensión muscular etc
Cerca da metade das persoas con ansiedade sofren principalmente de síntomas físicos, normalmente localizados nos intestinos e no peito. Conforme a sintomatoloxía, a ansiedade pode ser clasificada en varios trastornos, mais sempre e cando haxa un grao patolóxico, definido como aquel que causa interferencia nas actividades normais do individuo.