Aqueos

Combate dos aqueos, Museo Pio-Clementino.

Os aqueos[1] (en grego: Ἀχαιοί, Akhaioi) foron unha das catro tribos principais nas cales o pobo da Grecia clásica se dividía a si mesmo (xunto cos eolios, xonios e dorios). Segundo o mito fundacional formalizado por Hesíodo, o seu nome provén de "Aqueo", o fundador mítico da tribo aquea, quen supostamente era un dos fillos de Xuto e Creúsa medio irmán de Ión (devanceiro epónimo dos Xonios). Xuto era á súa vez o fillo de Helén, o patriarca mítico da nación dos gregos.[2]

Historicamente, os membros da tribo aquea habitaron a rexión de Acaia no norte do Peloponeso. Os aqueos xogaron un papel activo na colonización grega do sur de Italia, fundando a cidade de Kroton (Κρότων) en -710. A cidade acadou a fama logo de ser o lugar onde se fundou a Escola Pitagórica.[3] Ó contrario que as outras tribos principais (xonios, dorios e eolios), os aqueos non tiñan un dialecto de seu no período clásico e falaban o grego dórico.

A Argólide converteuse no seu feudo e desde ela dominaron o resto de Grecia. Homero fala así de «Aqueos» ou de «Arxivos» para designar o conxunto dos gregos reunidos ante Troia. Os seus centros principais eran as cidades de Argos, Tirinto, Pilos, pero sobre todo Micenas, de onde vén o nome de civilización micénica para o período que vai do século XVII ao XII antes da nosa era, aproximadamente. A caída do dominio micénico atribuíuse tradicionalmente á invasión doria, pero hoxe se pensa que a grande invasión foi máis ben unha serie de pequenas incursións, espazadas no tempo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aqueo.
  2. Apollodorus, Library I, 7.3
  3. Peoples, Nations and Cultures. Editor John Mackenzie. Weidenfeld & Nicolson. 2005.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne