Unha arma nuclear é un explosivo de alto poder que utiliza a enerxía nuclear (esta arma xera unha gran cantidade de enerxía a partir dunha reacción de fisión ou de fusión nuclear, ambas reaccións liberan grandes cantidades de enerxía a partir de cantidades relativamente pequenas da materia), isto inclúe o vector transportador, como os mísiles balísticos intercontinentais, os mísiles balísticos de lanzamento submarino (en inglés Submarine-launched ballistic missiles) e parte da infraestrutura involucrada no seu manexo e operación.
Este tipo de armas teñen unha gran capacidade destrutiva, e son as máis potentes que se utilizaron nunca. Actualmente, só un grupo relativamente reducido de países recoñece que dispón de armas nucleares. As armas nucleares utilízanse principalmente para matar e crear danos humanos, materiais e económicos, tamén poden ter un uso secundario como demostración de superioridade e ameaza.
A primeira detonación nuclear experimental foi a denominada Trinity realizada na poboación de Alamogordo, Novo México, Estados Unidos, o 16 de xullo de 1945, como parte experimental do Proxecto Manhattan.[1] En tempo de guerra só foron utilizadas en dúas ocasións: en Hiroshima o 6 de agosto de 1945 e Nagasaki tres días despois. Os tipos de bomba utilizados foron respectivamente unha bomba de uranio e unha de plutonio (ambas eran bombas A). Unhas cento vinte mil persoas morreron de inmediato e outras duascentas corenta mil debido aos efectos a medio e longo prazo destas armas fundamentalmente como consecuencia de enfermidades provocadas pola exposición á radiación.[2] En ambas as cidades, a maioría dos mortos foron civís.[3][4][5] Estes son os únicos bombardeos nucleares que ocorreron en tempos de guerra.[6] Este evento deu inicio ao que se denominou como "a era nuclear". Desde entón explotaron unhas dúas mil bombas nucleares, a maioría como parte de investigacións para o desenvolvemento armamentístico nuclear, por parte de sete países: Estados Unidos, Unión Soviética, Francia, Reino Unido, China, India e Paquistán. Sospéitase que outros países teñen capacidade nuclear, manténdoo en segredo; crese que Israel posúe armas nucleares, aínda que non o recoñece.[7][8][n. 1] Outro estado, Suráfrica, admitiu fabricar armas nucleares no pasado, pero desde entón desmontou o seu arsenal e someteuno a inspección internacional.[9] A primeira bomba atómica probada,[n. 2][10][11][12][13] liberou unha cantidade de enerxía de aproximadamente 20 millóns de toneladas de TNT. Unha arma atómica moderna, como a bomba atómica B83 de pouco máis de 1.100 kg, pode producir unha forza explosiva comparable á detonación de máis de 1,2 millóns de toneladas (1,1 millóns de toneladas métricas) de TNT.[14] Divídense en dous tipos segundo o seu mecanismo de actuación:
Erro no código da cita: As etiquetas <ref>
existen para un grupo chamado "n.", pero non se atopou a etiqueta <references group="n."/>
correspondente