Arte bizantina

Mosaico bizantino. A virxe como Kiriotissa, isto é como trono da sabedoría sostendo ó Neno Xesús de fronte, deu orixe á representación da Virxe románica en Occidente

A arte bizantina é a arte producida no que agora é coñecido como Imperio Bizantino, o Imperio Romano de Oriente, desde o século V ata a caída de Constantinopla en 1453. Tamén se emprega para referirse á arte de estados contemporáneos a el que compartían formas culturais comúns sen ser parte do imperio como Macedonia, Bulgaria, Serbia ou Rusia e mesmo certos aspectos da arte da República de Venecia.

A imprenta romana, o gusto polo luxo, a suntuosidade e a proporción herdados da cultura grega deu lugar a unha arte imperial-relixiosa presidida pola idea do dogmático e por unha concepción xerarquizante e simbólica da arte na que as formas e as técnicas respondían a unhas normas fixas, segundo un preciso e inmutable contido teolóxico, no que Deus e o emperador quedaban no mesmo rango no nivel representativo.

Un dos mosaicos bizantinos máis famosos que se conservan de Hagia Sophia.

Os templos bizantinos tiñan planta centralizada cunha gran cúpula central como un trasunto arquitectónico da bóveda celeste, conservando en xeral a organización da basílica paleocristiá. O iconostasio separaba o presbiterio das naves, constituíndo un lugar específico para as imaxes. Usualmente utilizaba como material de construción o ladrillo, como os romanos, pero acentuando a súa función decorativa, empregando frecuentemente o arco de medio punto e as cubertas abovedadas.

Os edificios no interior amosaban unha decoración suntuosa a base de mosaicos, esmaltes, ourivaría, teas e un longo etcétera. Exteriormente predominaba a verticalidade e conxugación de rectas e curvas.

A escultura bizantina renovou as formas e os motivos decorativos. Pictograficamente a forma de Cristo seguiu o modelo sirio de melena longa e barba partida, representado frecuentemente como Pantocrátor. A Virxe tiña unha tipoloxía máis variada con formas como a kiriotissa, hodigitria, theotokos, galactotrofusa e glycofilusa entre as máis frecuentes.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne