Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde setembro de 2019) |
Na Roma antiga, as mulleres que nacían libres eran cidadás (cives),[2] aínda que non podían votar nin ocupar cargos públicos.[3] Debido a este limitado papel público da muller na Roma antiga, os historiadores romanos mencionan con menos frecuencia as mulleres que os homes. Con todo, mentres que as mulleres romanas en xeral non tiñan ningún poder político directo, as de familias ricas e destacadas podían exercer (e de feito exercían) grande influencia a través da contorna privada.[4] Entre as mulleres excepcionais que deixaron unha marca indelébel na historia están as semilexendarias Lucrecia e Claudia Quinta, cuxas historias teñen un matiz mítico; as decididas mulleres republicanas como Cornelia, nai dos Gracos, e Fulvia, que comandou un exército e acuñou moedas coa súa imaxe; as mulleres da dinastía xulio-claudiana como Livia, a máis prominente, que contribuíu á formación dos costumes imperiais; e a emperatriz Helena(c.250–330 AD), unha forza motriz na propagación do cristianismo.[5]
Como sucede cos membros masculinos da sociedade, as mulleres da elite e os seus actos políticos significativos eclipsaron as mulleres de rango inferior nos rexistros históricos. As inscricións e sobre todo os epitafios documentan os nomes dun gran número de mulleres ao ancho do Imperio romano, pero non nos din moito máis delas. Algunhas instantáneas da vida diaria preserváronse nos xéneros literarios latinos como o teatro, a sátira ou a poesía, en especial nos poemas de Catulo e Ovidio que ofrecen vívidos escintileos das mulleres romanas nos comedores e toucadores, nos eventos deportivos e teatrais, de compras, maquillándose, practicando a maxia, preocupadas polo embarazo —con todo, todo visto a través de ollos masculinos—.[6] As cartas de Cicerón, por exemplo, revelan de maneira informal como o autoproclamado grande home interactuou de portas para dentro coa súa esposa Terencia e a súa filla Tulia, do mesmo xeito que os seus discursos demostran con menosprezo as varias vías polas que podían gozar as romanas dunha libre vida sexual e social.[7]
O único papel público principal reservado exclusivamente ás mulleres foi no ámbito relixioso: o sacerdocio das vestais. Libres de calquera obriga matrimonial ou de ter fillos, as vestais dedicábanse ao estudo e a correcta observación dos ritos considerados necesarios para a seguridade e supervivencia de Roma, e que non podían ser realizados polos colexios masculinos de sacerdotes.[8]