Os astrocitos, tamén chamados colectivamente astroglía, son células de glía cunha característica forma estrelada (de onde lles vén o nome), que se encontran no encéfalo e medula espiñal. Son as célula máis abundantes do cerebro humano. Realizan moitas funcións, como colaboraren bioquimicamente coas células endoteliais da barreira hematoencefálica, a provisión de nutrientes ao tecido nervioso, o mantemento do equilibrio iónico extracelular, e interveñen na reparación e proceso de cicatrización dos tecidos danados do cerebro e medula espiñal.
Diversas investigacións realizadas desde mediados da década de 1990 atoparon que os astrocitos propagan ondas de Ca2+ intercelulares a longas distancias en resposta á estimulación, e, igual que as neuronas, poden liberar certos transmisores (chamados gliotransmisores) dun modo dependente do Ca2+. Os datos suxiren que os astrocitos tamén envían sinais ás neuronas por medio da liberación de glutamato dependente de Ca2+.[1] Estes descubrimentos fixeron que os astrocitos sexan unha importante área de investigación en neurociencia.