Axis mundi ou eixo do mundo é un símbolo ubicuo presente en numerosas culturas. A idea expresa un punto de conexión entre o ceo e a terra no que converxen todos os rumbos dun compás. Neste punto, as viaxes e as correspondencias son feitas entre reinos superiores e inferiores.[1] A comunicación dos reinos inferiores pode ascender ós superiores e as beizóns destes reinos superiores poden descender ós inferiores e esparexerse por todos eles.[2] Este espazo funciona como embigo e punto de partida do mundo.[3][4]
O Axis mundi aparece en moitas rexións do mundo adoptando diversas formas. A imaxe é ó tempo feminina e masculina. Pode ter a forma de algo natural (unha montaña, unha árbore, unha columna de fume ou lume, unha parra, un talo) ou dun produto de manufactura humana (unha torre, unha escaleira, un alicerce, unha cruz, un campanario, unha corda, unha agulla). A imaxe aparece tanto en contextos relixiosos como seculares.[5] O símbolo pode atoparse en culturas chamánicas ou baseadas en crenzas animistas, nas principais relixións do mundo e en civilizacións urbanas tecnoloxicamente avanzadas. En palabras de Mircea Eliade, "todo microcosmos, toda rexión inhabitada, ten un centro; isto é, un lugar que é sacro por enriba de todo".[6]