O termo bacilo (e o adxectivo bacilar[1]) úsase para describir calquera bacteria con forma alongada de bastonciño ou barra cilíndrica[2]. Os bacilos poden encontrarse en moitos grupos taxonómicos de bacterias. Non son exclusivos da clase Bacilli ou do xénero Bacillus (que tamén se traducirían por "bacilo").
Os bacilos son bacterias que se encontran en diferentes ambientes, teñen distintos metabolismos e hainos grampositivos e gramnegativos, polo que teñen pouco en común excepto a súa forma similar. Adoitan aparecer sós, pero tamén en parellas (diplobacilos), en cadeas (estreptobacilos) ou grupos formando unha barreira. As bacterias que teñen forma máis ovoidal, intermedia entre o coco e o bacilo, denomínanse cocobacilos.
Algúns bacilos son patóxenos, pero a maioría son inofensivos, como moitos da flora bacteriana intestinal, os Lactobacillus do iogur, rizobios fixadores de nitróxeno, a bacteria atopada nas costas galegas Gallaecimonas etc. A bacteria máis estudada, E. coli, é un bacilo.
Ademais dos bacilos, outras formas bacterianas importantes son os cocos, vibrións e espirilos.