Batalla de Schellenberg | |||
---|---|---|---|
Guerra de Sucesión Española | |||
Gravado da batalla | |||
Tipo | batalla | ||
Resultado | Vitoria da Grande Alianza | ||
Localización | Donauwörth | ||
Coordenadas | 48°42′0″N 10°48′0″L / 48.70000, -10.80000 | ||
Belixerantes | |||
| |||
Líderes | |||
| |||
Forzas | |||
| |||
[ Wikidata ] |
A Batalla de Schellenberg foi un enfrontamento armado que ocorreu durante a Guerra de Sucesión española, o 2 de xullo de 1704, no forte de Schellenberg, que dominaba a cidade amurallada de Donauwörth, sobre o Danubio, en Baviera (Alemaña meridional).
A batalla opuxo as forzas da Grande Alianza, formada por Inglaterra, Austria e as Provincias Unidas, comandadas polo Duque de Marlborough e Lois Guillerme de Baden, contra as forzas francobávaras, acaudilladas polo Conde d’Arco e o seu lugartenente o Marqués de Maffei (polo bando galo), e polo Elector Maximiliano II de Baviera e o Conde de Marsin (polo bando bávaro).
Schellenberg, tomada mediante un coup de main,[1] supuxo unha decisiva vitoria para a Grande Alianza, porque creaba un paso seguro no Danubio para as operacións loxísticas de aprovisionamento do exército de Marlborough. Ademais, permitiu proseguir a campaña aliada de 1704 en Baviera. A batalla decidiuse en dúas horas, trala cal se chegaron a contar unhas 14.000 baixas.
Despois da vitoria, os aliados tiñan dúas opcións: ou ben persuadir ao Elector de Baviera para que se unise á súa causa, ou ben facelo saír do seu refuxio en Augsburgo e derrotalo antes de que recibise reforzos. Para facilitar estes fins, os aliados iniciaron a controvertida política de asolar a campiña bávara, mentres negociaban en segredo co Elector para que desertase do bando do Rei Sol. Mais este mantívose intransixente ante as ofertas de arrexuntarse ao bloque imperial, probablemente debido á chegada inminente de reforzos.[2] Aínda que esta estratexia foi infrutuosa, os exércitos enfrontáronse finalmente o 13 de agosto de 1704, na Batalla de Höchstädt (Blenheim seguindo a nomenclatura inglesa), onde o Duque de Marlborough e o Príncipe de Savoia venceron á coalición francobávara do Duque de Tallard.