![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2016.) |
Batalla das Ardenas (1944) | |||
---|---|---|---|
Segunda guerra mundial | |||
![]() | |||
Tipo | ofensiva militar ![]() | ||
Data | |||
Resultado | vitoria decisiva aliada | ||
Localización | rexión das Ardenas ![]() | ||
Coordenadas | 50°37′27″N 6°08′14″L / 50.6243, 6.13724 | ||
Belixerantes | |||
| |||
[ Wikidata ] |
A batalla das Ardenas (en alemán: Offensive von Rundstedt, en inglés: Battle of the Bulge ou Ardennes Offensive), ocorrida entre o 14 de decembro de 1944 e o 25 de xaneiro de 1945, foi unha grande ofensiva alemá lanzada a través dos densos bosques e montañas da rexión das Ardenas, en Bélxica, e a través de áreas de Luxemburgo e Francia, na fronte occidental europea cara ao final da segunda guerra mundial. O nome en código da ofensiva para a Wehrmacht era Unternehmen Wacht am Rhein ("operación vixilancia no Rin"), polo patriótico himno alemán "Die Wacht am Rhein".
A ofensiva alemá foi apoiada por varias operacións subordinadas coñecidas como Unternehmen Bodenplatte, Greif e Währung. O obxectivo alemán para esas operacións era dividir as liñas británicas e estadounidenses pola metade, capturar Anveres e despois proceder a rodear e destruír a catro exércitos inimigos, forzando aos Aliados occidentais a negociar un tratado de paz a favor das potencias do Eixo. Unha vez cumprido o ebxectivo, Hitler podería concentrarse totalmente na fronte do leste.
A ofensiva foi planeada no máis absoluto segredo, minimizano o tráfico de radio e movendo tropas e equipo baixo a cobertura da escuridade. A pesar de que Ultra suxerira un posible ataque e o persoal de intelixencia do terceiro exército estadounidense predixera unha grande ofensiva alemá, os Aliados aínda foron collidos por sorpresa. Isto logrouse mediante unha combinación dun exceso de confianza aliado, a preocupación polos seus propios plans ofensivos e un pobre recoñecemento aéreo.
O ataque comezou case por completa sorpresa contra unha sección pobremente defendida da liña aliada cun tempo moi anubrado, que deixou en terra á moi superiores forzas aéreas dos estadounidenses e británicos. A feroz resistencia na parte norte da ofensiva ao redor do contraforte Elsenborn do pobo de Hofen, e no sur ao redor de Bastoña bloquearon o acceso alemán ás estradas clave que precisaban para o seu éxito. Este feito e o terreo favoreceron aos defensores atrasando o calenario alemán. Os reforzos aliados, incluído o terceiro exército do xeneral George S. Patton, e unha mellora das condicións meteorolóxicas, permitindo ataques aéreos sobre as forzas alemás e as súas liñas de subministración, selaron o fracaso da ofensiva.
A raíz da derrota, moitas unidades experimentadas alemás quedaron severamente reducidas de homes e equipo, xa que os superviventes retiráronse ás defensas da liña Sigfrido. Para os estadounidenses, que duns 610 000 homes tiveron ao redor de 89 000 baixas, dos cales 19 000 morreron, a batalla das Ardenas foi a máis longa e sanguenta batalla da segunda guerra mundial.