A bebida de soia, ás veces mal chamada "leite de soia"[1], é un produto (leite vexetal) que se extrae das sementes da soia, remolladas e moídas, ás que se lles engade auga, e que se utiliza como substituto do leite de orixe animal[2]. Hoxe en día pode atoparse en calquera supermercado en Galicia, aínda que tamén se pode producir no fogar a partir dos legumes.
Constitúe unha alternativa ao leite, especialmente na alimentación vexetariana estrita e en dietas hipolipídicas, por mor da súa aparencia abrancazada e á súa achega de proteínas. Nutricionalmente é de mediana dixestión, carece de colesterol e ten a metade de graxas e calorías que o leite enteiro, a mesma cantidade de vitaminas B e máis ferro que o leite de vaca.[3] O mesmo que esta, tamén ten compoñentes alerxénicos,[4] aínda que é apta para intolerantes á lactosa.
As comercializadas actualmente adoitan estar enriquecidas con cobalamina (vitamina B12), de difícil obtención nunha alimentación vexetariana estrita. Úsase en multitude de receitas, substituíndo en ocasións produtos que vexetarianos estritos e veganos non consomen por este elemento, como no caso da lactonesa, substituto da maionesa, realizado con leite[5] (en caso de seguir unha dieta omnívora, tamén pode ser leite de vaca o que substitúa o ovo).
Consómese dende hai 2.000 anos.[6]