A bioluminescencia é a produción e emisión de luz por un organismo vivo. A bioluminescencia é unha forma natural de quimioluminescencia na que se libera enerxía en forma de emisión de luz por medio dunha reacción química. Os vagalumes, a familia dos peixes sapos, e outras criaturas producen a substancia química luciferina e o encima luciferase.[1] A luciferina reacciona co oxíxeno para producir luz. A luciferase actúa como un catalizador que acelera a reacción, que está ás veces mediada por cofactores como os ións calcio ou a ATP. A reacción química pode ocorrer dentro ou fóra da célula. En bacterias, a expresión do xene relacionado coa bioluminescencia está controlada por un operón chamado operón lux.[2]
A bioluminescencia aparece sobre todo nos vertebrados e invertebrados mariños, pero tamén nalgúns animais terrestres. Algúns organismos (vagalumes, cnidarios) teñen bioluminescencia por si mesmos, e outros grazas a simbiontes. Os organismos simbióticos que viven dentro de organismos maiores poden ser tamén bioluminescentes, polo que lle dan unha bioluminescencia ao seu hóspede, que doutro modo non a tería.