A Boca de Sauron é, no universo de ficción creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien, o nome co que se coñecía ó lugartenente de Barad-dûr, «pois o seu verdadeiro nome ata el o esquecera».
É un númenoreano negro con grandes coñecementos de feiticería, «máis malvado que o máis vil dos orcos». Entrara ó servizo da Torre Escura facía moitos anos, dende os tempos da segunda reconstrución.
Aparece ante a Porta Negra, montado nun temible cabalo como «embaixador» ante o desafío dos Capitáns do Oeste, para instar a Elessar e ós demais señores a que se rendesen ante Sauron, permanecendo como vasalos de Mordor. Faloulles a Gandalf e ós demais con palabras cheas de desprezo e odio, e amosoulles a modo de proba, as pezas de roupa que lle confiscaron a Frodo na Torre de Cirith Ungol. Tras negarse os capitáns a tales condicións, desaparece tralas Portas, dando paso ós exércitos de Sauron. Descoñécese o seu fin, aínda que se intúe que perece durante a caída do seu Amo.