Boeing 777 | |
---|---|
Boeing 777-300ER de Emirates | |
Tipo | Avión de pasaxeiros de fuselaxe ancha |
Fabricante | Boeing |
Primeiro voo | 12 de xuño de 1994 |
Introducido | 7 de xuño de 1995, con United Airlines |
Estado | En servizo |
Principais usuarios | Emirates United Airlines Cathay Pacific Air France |
Produción | 1993 - |
Unidades construídas | 1 577 a novembro de 2018[1] |
Custo unitario | 777-200ER: 261,5 millóns $[2] 777-200LR: 296 millóns $[2] 777-300ER: 320,2 millóns $[2] 777F: 300,5 millóns $[2] |
O Boeing 777 é unha familia de avión de pasaxeiros bimotor, de longo alcance e fuselaxe ancha desenvolvida e fabricada por Boeing. Trátase do bimotor máis grande do mundo, e pode transportar de 314 a 396 pasaxeiros a unha distancia de entre 9 704 e 15 844 km. Coñecido tamén como o "Triplo Sete" (inglés: Triple Seven),[3][4] entre as súas características distintivas están os motores turboventilador de maior diámetro en calquera aeronave, seis rodas en cada tren de aterraxe principal, unha sección completamente circular da fuselaxe[5] e a súa terminación de cola en forma de coitela.[6] Desenvolvido consultando a oito das principais aeroliñas do mundo, o 777 deseñouse para substituír os modelos de fuselaxe ancha máis vellos e como ponte entre as capacidades dos modelos 767 e 747. Como primeiro avión de Boeing fly-by-wire, ten controis informatizados e trátase tamén do primeiro avión comercial deseñado enteiramente por ordenador.
A data de 2017 o 777 presentábase en dúas lonxitudes de fuselaxe. A variante orixinal 777-200 entrou en servizo comercial no ano 1995, seguida pola de máis alcance 777-200ER en 1997. A versión alongada 777-300, con 10,1 metros máis de lonxitude, comezou a operar en 1998. As versións iniciais 777-200, -200ER e -300 están equipadas con motores General Electric GE90, Pratt & Whitney PW4000 ou Rolls-Royce Trent 800. As variantes de longo alcance 777-300ER e ultralongo alcance 777-200LR entraron en servizo en 2004 e 2006 respectivamente, mentres que a versión 777F de carga estreouse en febreiro de 2009. Estas variantes están equipadas con motores General Electric GE90 e puntas de ás inclinadas de maior tamaño. O 777-200LR é o avión de pasaxeiros con maior alcance do mundo, coa capacidade de voar a máis de medio mundo, posuíndo o récord do voo máis longo sen paradas dun avión comercial.[7][8]
United Airlines foi a primeira aeroliña en operar co 777, o 7 de xuño de 1995. A data de xullo de 2017, uns 60 clientes fixeran pedidos por un total de 1 939 unidades de tódalas variantes, con 1 507 entregadas.[1] A variante máis común é a 777-300ER,[9] con 748 unidades entregadas de 823 pedidos.[1] Emirates opera a meirande frota de avións 777, con 161 aeronaves de pasaxeiros e carga a data de xullo de 2017.[10] O 777 viuse involucrado en seis accidentes aéreos con perda de fuselaxe a data de outubro de 2016. O accidente do voo 214 de Asiana Airlines en xullo de 2013 foi o seu primeiro accidente con vítimas mortais en 18 anos de servizo.
O 777 está entre os modelos máis vendidos de Boeing. As aeroliñas adquiriron este avión pola súa eficiencia enerxética en comparación con outros deseños de fuselaxe ancha e incrementaron o seu uso en rutas transoceánicas. Entre os seus competidores directos están o Airbus A330-300 e o Airbus A350 XWB, ademais do A340 e do McDonnell Douglas MD-11. O 787 Dreamliner, que entrou en servizo no ano 2011, comparte varias características de deseño e unha cualificación de tipo común para pilotos co 777. En novembro de 2013 Boeing anunciou o desenvolvemento das versións melloradas 777-8 e 777-9, coñecidas colectivamente coma 777X, que incluirían ás compostas, motores GE9X e tecnoloxías máis avanzadas que xa foran desenvolvidas para o 787. A compañía prevé que a nova serie 777X entre en servizo no ano 2020.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome 777_O_D_summ
Delta will put the new "triple seven" — as airline folks call the jet — into service March 8.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome boeingjets
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome guinness
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome NYT_772LR_record