Bosque de ribeira

Bosque de ribeira entre leiras de cultivo

Chámase bosque de ribeira ou bosque en galería, á formación vexetal riparia[1], que medra nas marxes dun regueiro, lagoa ou río, e que adoita ser frondoso e composto por especies que gostan dos solos húmidos e lamacentos. Son importantes ecosistemas de transición para a flora e mais para a fauna e uns dos de maior biodiversidade.

O nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina. Identifícase claramente na paisaxe por seguir mesmo o curso do río, formando un corredor normalmente distinto ou diferenciábel do resto da vexetación, ademais de se caracterizar por manter as especies autóctonas caducifolias en climas con seca estival, en zonas agrícolas, ou en zonas onde se reforestou con outras especies, coma ocorre na maior parte de Galicia con piñeiros e eucaliptos. Nas zonas máis húmidas de Galicia a vexetación dos bosques orixinais ou fragas non discordaba moito da riparia.

  1. Propia dos hábitats das ribeiras.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne