Bosque primario

Exemplo de bosque primario en Galicia: as Fragas do Eume

Un bosque primario, primixenio ou virxe é unha extensión considerábel de masa forestal que permaneceu intacta: case nunca foi explotada (ou foi moi pouco explotada), fragmentada ou influída polo ser humano e as súas actividades,[1] polo tanto, ningún outro tipo de bosque ou plantación posúe a riqueza biolóxica ou a importancia ecolóxica dos bosques primarios. Este tipo de bosques representan un 65 % da diversidade terrestre, a pesar dos danos prexudiciais que sufriron.

Actualmente os bosques primarios están desaparecendo de forma rápida e irreversíbel. O 80 % destes ecosistemas xa foron destruídos ou alterados, e o 20 % restante está ameazado por diversas causas: explotación forestal ou petrolífera, minaría, construción de encoros e estradas, e a expansión da agricultura e a gandaría.[Cómpre referencia]

O bosque primario máis extenso do planeta Terra é a Selva Amazónica. Segundo Greenpeace, no Mioceno estes bosques cubrían case a metade da superficie terrestre, pero hoxe só queda unha quinta parte do bosque orixinal intacto (un 7 % de toda a superficie).[2]

Non todos os "bosques antigos" son primarios; son denominados bosques secundarios os rexenerados hai moito tempo sobre un bosque antes destruído, significativamente modificado ou explotado polo home. Estes non chegan a ter o grao de biodiversidade, é dicir, a riqueza de especies, dos bosques primarios.[1]

Para que un terreo forestal poida ser considerado como "primario" debe ser o suficientemente extenso como para garantir a supervivencia de poboacións viábeis de todos os seres vivos, incluídas especies migratorias, sen verse afectadas pola acción humana.​ Aproximadamente 150 millóns de persoas viven no día de hoxe en bosques primarios.[2]

  1. 1,0 1,1 Bosque Primario en EcuRed. Consultado o 28 de novembro de 2022.
  2. 2,0 2,1 Greenpeace denuncia la destrucción de los bosques primarios y de los océanos y pide su protección. Greenpeace. Comunicado de prensa. 21 de maio de 2015. Consultado o 28 de novembro de 2022.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne