Bruce Frederick Joseph Springsteen, nado en Long Branch (Nova Jersey) o 23 de setembro de 1949, é un cantante, compositor e guitarrista estadounidense, alcumado "The Boss" (en galego, "O Xefe"). É coñecido amplamente pola súa música rock vinculada a letras poéticas e a sentimentos tradicionais americanos e relacionados particularmente co seu Estado de orixe, Nova Jersey.
As gravacións de Springsteen, ao longo de tres décadas, tenderon a alternar entre o rock e outros traballos orientados cara ao folk, e tamén cara ao chamado heartland rock. Gran parte do seu éxito deriva do seu vencello con The E Street Band, presente nunha gran parte das súas gravacións, e especialmente relevante polo seu particular son e pola súa profesionalidade no escenario, chegando a ofrecer concertos de máis de tres horas de duración.
Na súa extensa traxectoria musical, Bruce Springsteen foi galardoado con numerosos premios, entre os que se inclúen dezanove premios Grammy, dous Globos de Ouro e un premio Oscar. Vendeu 65 millóns de álbums nos Estados Unidos de América e 120 millóns a nivel mundial.