Cancro de mama

Cancro de mama
Clasificación e recursos externos
Mamografía dunha mama normal (esquerda) e dunha mama con cancro (dereita, sinalado polas frechas brancas).
OMIM114480
DiseasesDB1598
MedlinePlus000913
eMedicinemed/3287 radio/115 plastic/521
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O cancro de mama ou carcinoma de mama é o cancro que se desenvolve no tecido mamario.[1] Entre os sinais de cancro de mama están a aparición dun nódulo na mama ou preto da mama na zona da axila, alteracións na forma ou na aparencia da mama, como retracción da mamila, pel da mama, aréola ou mamila con aparencia escamosa, vermella ou con vultos, ou mesmo sensibilidade na mamila e secreción ou perda de líquido pola mamila. En persoas coa doenza diseminada, pode verificarse tamén dor ósea, ganglios linfáticos avultados, falta de aire e ictericia.[2]

Entre os factores de risco para o desenvolvemento de cancro de mama cóntanse ser de sexo feminino, a idade, a obesidade, a falta de exercicio físico, o consumo de alcohol, a terapia hormonal substitutiva durante a menopausa, a radiación ionizante, a idade precoz da primeira menstruación, ter fillos en idade tardía ou non ter tido fillos.[3][4] Entre o 5 e o 10% dos casos son causados por xenes herdados dos pais da persoa, entre os cales están o BRCA1 e o BRCA2. O cancro da mama desenvólvese polo xeral nas células do revestimento das canles mamarias e dos lóbulos onde se produce o leite. Os cancros que se desenvolven nas canles son denominados carcinomas ductais, mentres que os que se desenvolven nos lóbulos son denominados carcinomas lobulares.[3] Existen 18 sub-tipos de cancro da mama. Algúns cancros desenvólvense a partir de condicións premalignas como o carcinoma ductal in situ.[4] A diagnose de cancro da mama é confirmado a través dunha biopsia do nódulo en cuestión. Unha vez realizada a diagnose, realízanse máis exames para determinar se o cancro se diseminou fóra da mama e a que tratamentos pode responder.[3]

A ponderación entre as vantaxes e desvantaxes do cribado do cancro de mama aínda é un tema controvertido. Unha revisión de 2013 da Cochrane afirmou que non está claro que o cribado mamográfico teña máis beneficios ou prexuízos.[5] Outra revisión de 2009 por un grupo de traballo dos Estados Unidos (US Preventive Services Task Force) atopou evidencias de beneficios en persoas de entre 40 e 70 anos de idade,[6] recomendando o cribado cada dous anos para as mulleres entre os 50 e 74 anos de idade.[7]

Como medida de prevención, en persoas con risco elevado de desenvolver cancro de mama, poden empregarse os fármacos tamoxifeno e raloxifeno. Outra medida de prevención en mulleres con risco agravado é a extirpación cirúrxica de ambas as mamas.[4] En persoas ás que lles foi diagnosticado o cancro, están dispoñíbeis unha serie de tratamentos, incluíndo cirurxía, radioterapia, terapia hormonal e terapia dirixida.[3] Dependendo do tipo de intervención necesario, a cirurxía pode conservar a mama (p.e. cuadrantectomía) ou ser realizada unha mastectomía. A reconstrución mamaria pode facerse durante a cirurxía ou nunha data posterior. Nas persoas nas que o cancro xa se diseminou para outras partes do corpo, os tratamentos están dirixidos a prolongar a vida, mellorar o conforto e a calidade de vida.[8]

O prognóstico para o cancro de mama varía en función do tipo de cancro, extensión da doenza e idade da persoa.[8] A taxa de supervivencia en países desenvolvidos é elevada,[9] sendo máis reducida nos países en vías de desenvolvemento.[4] Cando se considera todo o mundo, o cancro de mama é a causa máis común de cancro en mulleres, correspondendo o 25% de tódolos casos.[10] En 2012, foi responsábel de 1,68 millóns de casos e 522 000 mortes.[10] É máis común en países desenvolvidos[4] e é máis de 100 veces máis común en mulleres que en homes.[9][11]

  1. National Cancer Institute (2014). "Breast Cancer". Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  2. Saunders, Christobel; Jassal, Sunil (2009). Breast cancer. Oxford: Oxford University Press. p. Capítulo 13. ISBN 978-0-19-955869-8. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome NCI2014Pt
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 International Agency for Research on Cancer (2014). Organización Mundial da Saúde, ed. World Cancer Report 2014. pp. Capítulo 5.2. ISBN 92-832-0429-8. 
  5. Gøtzsche, PC; Jørgensen KJ (2013). "Screening for breast cancer with mammography.". The Cochrane database of systematic reviews 6. pp. CD001877. PMID 23737396. doi:10.1002/14651858.CD001877.pub5. 
  6. Nelson, HD; Tyne, K; Naik, A; Bougatsos, C; Chan, B; Nygren, P; Humphrey, L (2009). "Screening for Breast Cancer: Systematic Evidence Review Update for the US Preventive Services Task Force". PMID 20722173. 
  7. US Preventative Services Task Force (2009). "Screening for Breast Cancer". Arquivado dende o orixinal o 02 de xaneiro de 2013. Consultado o 24 de decembro de 2012. 
  8. 8,0 8,1 National Cancer Institute (2014). "Breast Cancer Treatment". Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  9. 9,0 9,1 International Agency for Research on Cancer (2008). "World Cancer Report" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xullo de 2011. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  10. 10,0 10,1 Organización Mundial da Saúde, ed. (2014). World Cancer Report 2014. pp. Capítulo 1.1. ISBN 92-832-0429-8. 
  11. National Cancer Institute (2014). "Male Breast Cancer Treatment". Consultado o 29 de xuño de 2014. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne