Na mitoloxía grega Caos é a personificación do baleiro primordial anterior á creación do cosmos, anterior á existencia dos distintos elementos que conforman o Mundo. Sería o estado primixenio do cosmos, e anterior ó resto das forzas elementais, os deuses e os homes. No século V a. C. identificouse co aire, o espazo ou o baleiro que rodea a Terra. Máis tarde, Ovidio describiuno como un estado de desorde e confusión absoluta; Hesíodo non o describe e unicamente o menciona.
"Antes do mar, da terra e do ceo que todo o cubre, a natureza ofrecía un mesmo aspecto no orbe enteiro, ó que chamaron Caos: unha masa basta e desordenada, que non era máis que un peso inerte e xermes discordantes, todos amoreados xuntos, cousas non ben unidas".(Ovidio: Metamorfosis I, 5-9)
"En primeiro lugar existiu, realmente, o Caos. Logo Xea... e Eros".(Hesíodo: Teogonía 117)
En grego a palabra Caos non ten xénero, aínda que, nalgunhas representacións clásicas, dáselle forma de muller.