O cariotipo (do grego karyon = gran, semente, núcleo) é o número e aparencia dos cromosomas no núcleo dunha célula eucariótica. O termo tamén se usa para designar o conxunto de cromosomas dunha especie, ou un determinado individuo.[1][2][3]
Os cariotipos describen o número de cromosomas e a forma, tamaño e características morfolóxicas de cada un vistas ao microscopio. É especialmente importante o tamaño, a posición do centrómero, padrón de bandas, diferenzas entre os cromosomas sexuais, e outras características físicas como a existencia de constricións secundarias, satélites etc.[4] A preparación e estudo dos cariotipos forma parte da citoxenética.
O estudo dun conxunto completo de cromosomas ás veces chámase carioloxía. Os cromosomas móstranse (reordenando as figuras dunha micrografía) nun formato estándar chamado cariograma ou idiograma: en pares, ordenados por tamaño e pola posición do centrómero nos cromosomas do mesmo tamaño.
O número básico de cromosomas nas células somáticas dun individuo ou especie denomínase número somático e desígnase como 2n. Nos humanos, por exemplo, 2n = 46. Nas células da liña xerminal (células sexuais) o número cromosómico é n (nos humanos: n = 23).[2]p28
Nos organismos diploides normais, hai dúas copias dos cromosomas autosómicos ou autosomas (os cromosomas de cada par denomínanse cromosomas homólogos). Pode haber ou non cromosomas sexuais. As células poliploides teñen múltiples copias de cada cromosoma. As células haploides teñen unha soa copia de cada cromosoma.
O estudo dos cariotipos é moi importante en Bioloxía celular e Xenética, e tamén en estudos evolutivos e Medicina. Os cariotipos poden utilizarse para moitos propósitos; como o estudo de aberracións cromosómicas, funcións celulares, relacións taxonómicas, e obtención de información sobre eventos evolutivos do pasado.