Carl Philipp Gottlieb von Clausewitz, nado en Burg (ducado de Magdeburgo) o 1 de xuño de 1780[1] e finado en Breslau (Silesia) 16 de novembro de 1831, foi un militar prusiano, un dos máis influentes historiadores e teóricos da ciencia militar moderna. É coñecido principalmente polo seu tratado Von Kriege (Da Guerra, primeira edición: 1832)[2] no que aborda ao longo de oito volumes unha análise sobre os conflitos armados, dende a súa formulación e motivacións ata a súa execución, abranguendo comentarios sobre táctica, estratexia e mesmo filosofía. As súas obras influíron de forma decisiva no desenvolvemento da ciencia militar occidental, e continúan a ensinarse tanto na maioría das academias militares do mundo como en cursos avanzados de xestión empresarial e mercadotecnia.