Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.[1]
Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia. O 10 de xaneiro de 2016 foi investido presidente da Generalitat de Cataluña (o cento trinta) polo Parlamento de Cataluña[2] grazas ó acordo levado a cabo o día antes entre Junts pel Sí e a CUP e no cal se anunciou que substituiría a Artur Mas como presidente da Generalitat en troques de garantir a estabilidade parlamentaria no Goberno.[3][4] O 14 de xaneiro do mesmo ano presentou o seu novo Goberno da Generalitat. Asociouse ó Partit Demòcrata o 10 de xullo de 2016.
O seu goberno promoveu un referendo de independencia o 1 de outubro de 2017. O 28 de outubro do mesmo ano o goberno español, coa aplicación do artigo 155 da Constitución española de 1978, destituíuno do seu cargo, conxuntamente cos conselleiros do seu goberno, unha decisión que non aceptaron nin el nin os membros do Goberno.[5] O mesmo día, o Parlamento declarara formalmente a independencia.[6] O 30 de outubro de 2017 Puigdemont marchou a Bruxelas xunto con catro conselleiros do seu goberno, Clara Ponsatí, Antoni Comín, Lluís Puig e Meritxell Serret.[7][8] O 25 de marzo de 2018 foi retido en Alemaña cando se dirixía cara a Bélxica despois de que se activase unha orde europea de detención contra el.[9] Despois de doce días en prisión provisional, foi posto en liberdade o 6 de abril en medidas cautelares.[10] O 10 de maio de 2018 suxeriu como candidato á Presidencia da Generalitat de Cataluña ó editor Joaquim Torra. Dous meses despois presentou o proxecto de Crida Nacional per la República.[11]