Carlos I, chamado Carlos de Anjou (en francés: Charles d'Anjou; en italiano: Carlo I d'Angiò), nado en París (Francia) o 21 de marzo de 1227 e finado en Foggia (Reino de Sicilia) o 7 de xaneiro de 1285), foi rei de Sicilia (1266-1285), o primeiro da dinastía Anjou-Sicilia, e o creador dun grande, aínda que efémero, imperio mediterráneo.[1]
Fillo do rei Lois VIII de Francia e de Branca de Castela, e irmán máis novo de Lois IX de Francia (San Lois, rei de Francia, curmán de Fernando III o Santo de Castela e León). Carlos adquiriu o Condado da Provenza por matrimonio en 1246, e acompañou ao seu irmán Lois na Cruzada de Exipto (1248-1254).[1]
Aliado co papado, conquistou o Reino de Sicilia na década de 1260, derrotando a Manfredo I de Sicilia e a Conradino de Hohenstaufen, duque de Suabia, rei de Sicilia (1254-1268), e rei nominal de Xerusalén, que eran os últimos representantes da dinastía dos Hohenstaufen, nas batallas de Benevento (1266) e de Tagliacozzo (1268).
Posteriormente ampliou o seu poder nos Balcáns, onde creou o Reino de Albania (1271), e en 1277 interveu para apoderarse do Reino de Xerusalén.
Baixo Carlos de Anjou o norte do territorio do Reino de Sicilia foi favorecido en detrimento do sur, e Carlos trasladou a capital Palermo a Nápoles. Esta situación de dominación anxevina, coa introdución de funcionarios franceses, causou descontento en Sicilia, onde estalou a rebelión en 1282 (as chamadas Vésperas sicilianas).[2]
Coa axuda de Pedro III de Aragón (que estaba casado con Costanza II de Sicilia, filla de Manfredo), os sicilianos expulsaron os anxevinos da illa, derrotando á frota de Carlos na baía de Nápoles en xuño de 1284, o que conduciu á división do Reino de Sicilia no reino da Sicilia peninsular ou reino de Nápoles, baixo dominio anxevino, e o reino da Sicilia insular, baixo dominio aragonés. Carlos estaba preparando unha contraofensiva cando morreu en 1285.