Caroteno

Modelo tridimensional do β-caroteno.
O caroteno dálle cor laranxa ás cenorias e outros vexetais.
A cor rosa dos flamengos salvaxes do Ngorongoro (Tanzania) débese ao beta-caroteno que absorben da súa dieta de algas verdeazuladas. Cunha dieta libre de beta-caroteno, son brancos.

Os carotenos (do latín carota, cenoria) son un grupo de terpenos coa fórmula C40Hx, que sintetizan as plantas pero non os animais. Os carotenos funcionan como pigmentos fotosintéticos. Os carotenos son xeralmente de cor laranxa e danlle cor ás cenorias e a moitas froitas e vexetais (batatas e variedades de melón de carne amarela-alaranxada, e nas follas secas). En baixas concentracións danlle unha cor amarela á nata e manteiga cando está presente no alimento das vacas. As especies omnívoras, que transforman en pequena cantidade os carotenoides da dieta en retinoides incoloros, teñen graxas amarelas como resultado da retención dos carotenoides, como sucede coas graxas dos polos.

Os carotenos contribúen á fotosíntese transmitindo a enerxía da luz que absorben ás clorofilas. Tamén protexen os tecidos das plantas axudando a absorber a enerxía do osíxeno singulete, unha forma excitada do osíxeno molecular O2, que se forma durante a fotosíntese.

O β-caroteno componse de dous grupos retinil cíclicos, e degrádase na mucosa do intestino delgado humano pola β-caroteno 15,15'-monooxixenase a retinal, unha forma de vitamina A. O β-caroteno pode almacenarse no fígado e nas graxas do tecido adiposo e convértese en retinal (unha forma da vitamina A para humanos) segundo as necesidades. Os carotenos α-caroteno e γ-caroteno, debido a que teñen só un grupo retinil (anel de beta-ionona), tamén teñen algunha actividade de vitamina A (pero menor ca do β-caroteno), como tamén a xantofila β-criptoxantina. Todos os demais carotenoides, incluído o licopeno, non teñen o anel beta e por iso non teñen actividade de vitamina A (aínda que poden ter actividade antioxidante).

As especies animais difiren moito na súa capacidade de converter o grupo retinil (beta-ionona) contido nos carotenoides a retinal. Os carnívoros en xeral apenas converten os carotenoides da dieta. Os carnívoros puros como os furóns non teñen β-caroteno 15,15'-monooxixenase e non poden converter ningún carotenoide a retinal, polo que os carotenos non son unha fonte de vitamina A para eles; entanto que os gatos poden converter trazas de β-caroteno a retinol, aínda que esas cantidades son insuficientes para as súas necesidades de retinol.[1]

O caroteno utilízase tamén como un aditivo alimentario, que funciona como colorante en zumes, pasteis, sobremesas, manteiga e margarina. Está aprobado o seu uso como aditivo tanto na Unión Europea (co número de código E160a)[2] coma en Australia e Nova Celanda (código 160a)[3] e nos Estados Unidos.[4]

  1. Green AS, Tang G, Lango J, Klasing KC, Fascetti AJ (2011). "Domestic cats convert ((2) H(8))-β-carotene to ((2) H(4))-retinol following a single oral dose". Journal of Animal Physiology and Animal Nutrition: no. PMID 21797934. doi:10.1111/j.1439-0396.2011.01196.x. 
  2. UK Food Standards Agency: "Current EU approved additives and their E Numbers". Consultado o 2011-10-27. 
  3. Australia New Zealand Food Standards Code"Standard 1.2.4 - Labelling of ingredients". Consultado o 2011-10-27. 
  4. US FDA: "Listing of Food Additives Status Part I". Consultado o 2011-10-27. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne