Un castro (do latín: castrum)[1][2][3] é un tipo de poboado fortificado que se espallou principalmente por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro, que subsistiu ata a Idade Media. Concretamente na Península Ibérica destaca este tipo de asentamento no noroeste, onde pola súa concentración é un elemento definitorio da cultura prerromana coñecéndose co nome de Cultura castrexa, aínda que os castros seguiron a ser habitados ata ben entrada a Idade Media. Existen, porén, castros (hillforts) en toda a Europa atlántica, dende Finlandia ao Norte de Portugal pasando polas Illas Británicas.
Citania e cividade son sinónimos de castro, aínda que en Portugal designan especialmente castros de maiores dimensións e cun grao de desenvolvemento urbanístico maior, en gran parte polo influxo da romanización.
Non se sabe con exactitude o número de castros que houbo en Galiza pero pode estimarse nun mínimo de 3.000 [Cómpre referencia], aínda que non todos estaban ocupados á vez e quizais houbo arredor de 1.500 na época de maior vitalidade, pero tan só hai uns 50 castros escavados arqueoloxicamente.