Catarina de Médici, nada en Florencia, Italia o 13 de abril de 1519 e finada no castelo de Blois, Francia, o 5 de xaneiro de 1589 foi unha nobre italiana, filla de Lourenzo II de Medici e Magdalena de la Tour de Auvernia. Como esposa de Henrique II de Francia, foi raíña consorte de Francia dende 1547 a 1559. Nese país é máis coñecida como Catherine de Médicis.
En 1533, aos catorce anos, Catarina contraeu matrimonio con Henrique, segundo fillo do rei Francisco I de Francia e da raíña Claudia de Francia. Durante o seu reinado, Henrique excluíu a Catarina de participar nos asuntos de estado e no seu lugar desfíxose en favores coa súa amante, Diana de Poitiers, que exercía unha grande influencia sobre el. Con todo, a morte de Henrique empurrou a Catarina á política como nai do fráxil rei de quince anos, Francisco II, e cando este morreu en 1560, Catarina pasou a ser rexente en nome do novo rei, o seu fillo de só dez anos Carlos IX, o que lle concedeu amplos poderes. Trala morte de Carlos en 1574, Catarina volveu interpretar un papel clave no reinado do seu terceiro fillo, Henrique III, monarca que só prescindiu dos consellos da súa nai nos seus últimos meses de vida.
Os tres fillos de Catarina reinaron nunha etapa de constantes guerras civís e relixiosas en Francia. Os problemas aos que se enfrontaba a monarquía eran complexos e de enormes proporcións. Ao principio Catarina prometeu e fixo concesións aos rebeldes protestantes franceses, que comezaron a ser coñecidos como hugonotes. Non obstante, nunca comprendeu as cuestións teolóxicas que impulsaron o seu movemento, e máis tarde a ira e a frustración levárona a aplicar liñas máis duras na súa política contra eles.[1] Como consecuencia, chegou a ser culpada das excesivas persecucións contra os protestantes que se desenvolveron durante os reinados dos seus fillos, en particular da matanza de San Bartolomeu de 1572, en que foron asasinados miles de hugonotes en París e por toda Francia.
Algúns historiadores eximiron a Catarina de culpa nas peores decisións da coroa francesa, aínda que as evidencias da súa crueldade se atopan nas súas cartas.[2] Na práctica, a súa autoridade estivo sempre limitada polas guerras civís. Polo tanto, as súas decisións políticas poden considerarse como intentos desesperados por manter a dinastía Valois no trono de Francia a toda costa, e o seu padroado das artes, un intento de glorificar unha monarquía cun prestixio que estaba en franca decadencia.[3] É improbable que sen Catarina os seus fillos lograsen manterse no poder,[4] e de feito os anos das súas rexencias chámanse "a era de Catarina de Medici",[5] pois segundo o seu biógrafo Mark Strage, Catarina foi a muller máis poderosa do século XVI en Europa.[6]