O catastro de Ensenada é unha magna indagación catastral dirixida en 1750 polo marqués da Ensenada, ministro de Facenda de Fernando VI. Abranguía os territorios da Coroa de Castela: isto é, a maior parte da España peninsular agás as Illas Canarias, a Coroa de Aragón, o reino de Valencia, Navarra e os Señoríos Vascos, que estaban exentos do pago de impostos. Os traballos de campo prolongáronse até 1756.
Esta indagación sería a base dunha reforma fiscal na que se pretendía racionalizar e facer máis xusto o sistema contributivo; para que isto fose realidade había que coñecer a riqueza de cada un. O obxectivo principal era rematar dunha vez por todas coa gran cantidade de impostos que había (alcabalas, décimos, primicias, foros etc.), moi difíciles de controlar, e que gravaban sobre todo á maioría dos contribuíntes, especialmente ós pobres, mentres que os ricos estaban moi beneficiados a causa de que estes impostos se asentaban sobre as producións e bens de consumo e non sobre as rendas e ingresos netos obtidos pola posesión de terreos e casas. A reforma fiscal consistiría na substitución das rendas provinciais por un imposto único, a Única Contribución, proporcional á riqueza de cada un. Este proxecto fracasou por oposición dos dous estamentos que se opuñan a perder tódolos seus privilexios: a nobreza e o clero.
O Catastro converteuse na fonte documental máis importante para coñecer como era a Coroa de Castela a mediados do século XVIII, posto que é un censo de poboación, un censo gandeiro, un censo de explotacións agrarias, un censo industrial, un nomenclátor...