Un cebador,[1][2] iniciador ou primer (esta última é a forma inglesa, moi utilizada na literatura noutros idiomas) é unha pequena febra de ácido nucleico (ADN ou ARN) que serve como punto de iniciación da replicación do ADN. Utilízase tanto na síntese natural do ADN como en certas técnicas como a reacción en cadea da polimerase (PCR). Os cebadores ou primers son necesarios para a replicación do ADN porque os encimas que catalizan este proceso, que son ADN polimerases, só poden engadir novos nucleótidos a unha cadea de ácido nucleico xa existente (que é o cebador). O cebador hibrídase cun curto tramo da cadea a copiar, e a polimerase empeza a replicación no extremo 3' do cebador, e fai unha copia complementaria da cadea de ADN que está en fronte.
Na maioría dos casos de replicación natural do ADN, o primer é unha curta cadea de ARN, que unha vez que a replicación avanza é eliminado e substituído por ADN. O cebador ou primer pode sintetizarse de novo por acción de certas ARN polimerases (pero, como xa se dixo, a ADN polimerase non pode empezar a síntese de cero, precisa un cebador).
Moitas técnicas bioquímicas e de bioloxía molecular de laboratorio nas que intervén a ADN polimerase, como a secuenciación do ADN e a reacción en cadea da polimerase (PCR), requiren primers feitos de ADN. Estes primerrs son xeralmente curtos oligonucleótidos sintetizados, cunha lonxitude de arredor de vinte bases. Unha vez sintetizados son hibridados co ADN diana para que se coloquen en posición e a ADN polimerase poida empezar a copiar o ADN.