Chanson é un termo francés, que se refire a calquera canción con letra en francés e, máis especificamente, a pezas vocais de tema amoroso, e tamén ás de crítica social e política, en particular as pertencentes ao estilo dos cabarés. Nese ámbito, chámase chansonnier ao intérprete de cancións de carácter humorístico ou satírico.
Nun modo máis especializado, a chanson é unha peza musical polifónica da Baixa Idade Media e do Renacemento. As chansons antigas tenderon a presentar unha forma fixa como balada, rondó ou virelai, aínda que posteriormente moitos compositores usaron a poesía popular en variedade de formas musicais.
As primeiras chansons foron para dúas, tres ou catro voces. Ao principio a norma eran tres voces, e comezouse a usar catro no século XVI. Algunhas veces, os cantantes eran acompañados por música instrumental. Lixeiras, rápidas, rítmicas, silábicas. Utilizan o metro binario. A melodía está na voz superior. Os temas dos seus textos son variados, aínda que predomina o amoroso.
O máis soado compositor deste xénero é Clément Janequin.