O chert[1] de Rhynie é un depósito sedimentario do Devoniano inferior[2] que contén fósiles que conservan grandes detalles e son con frecuencia completos, constituíndo un Lagerstätte.[3] O chert é unha rocha sedimentaria de gran fino composta por cuarzo micro- ou criptocristalino, similar ao sílex.[4] O xacemento aflora preto da aldea de Rhynie, Aberdeenshire, Escocia; unha segunda unidade chamada chert de Windyfield, está situada a uns 700 m de distancia. O chert de Rhynie contén plantas excepcionalmente conservadas (entre elas Rhynia, que recibe o seu nome polo topónimo), fungos, liques e material animal[2] preservado no seu lugar pola superposición dun depósito volcánico. A maior parte da capa fósil do Devoniano consiste en plantas primitivas (que tiñan células condutoras de auga e esporanxios, pero non verdadeiras follas), xunto con artrópodos, liques, algas e fungos.
Esta capa fósil é salientable por dúas razóns. Primeira, a idade do xacemento (Praguiano, Devoniano temperán, formado hai uns 410 millóns de anos)[5][6] sitúao nunha etapa inicial da colonización da terra firme polos seres vivos. Segunda, estes cherts son famosos polo seu excepcional estado de preservación ultraestrutural, que permite ver facilmente células individuais en espécimes puídos. Tamén se poden observar e contar estomas e detectarse restos de lignina no material vexetal, e pode verse nas preparacións de cortes transversais das mostras o aparato respiratorio dos trigonotárbidos (da clase Arachnida), coñecidos como pulmóns en libro. Poden observarse tamén hifas de fungos entrando en material vexetal, actuando como descompoñedores e simbiontes micorrícicos.