Chiminigagua | |
---|---|
Ser supremo, deus omnipotente e creador do mundo | |
Membro da Relixión muisca | |
![]() Reconstrución do Templo do Sol, lugar de adoración de Chiminigagua. | |
Outros nomes | Chiminichagua Chimichagua |
Afiliación | Bachué, Bochica |
Xénero | Masculino |
Rexión | Altiplano Cundiboyacense![]() |
Grupo étnico | Pobo muisca |
Información persoal | |
Fillos | Chía, Sué, Cuchavira |
Equivalentes | |
Equivalente grego | Zeus |
Equivalente romano | Xúpiter |
Equivalente cristián | Deus |
Chiminigagua (tamén chamado Chiminichagua ou Chimichagua) era o ser supremo, deus omnipotente e creador do mundo na relixión dos muiscas.[1][2] A deidade suprema dos muiscas era un deus estático e sen corpo que gobernaba sobre tódolos outros deuses. Nunca era louvado directamente, senón a través de deuses menores como o Sol (Sué), a Lúa (Chía) e a fertilidae (Chaquén). Cando os españois chegaron a territorio muisca foron descritos como "fillos do Sol".[3][4] Chiminigagua foi descrito por primeira vez a finais do século XVI polos cronistas españois Pedro Simón e Juan de Castellanos.[5]
Os muiscas e a súa confederación eran unha das catro civilizacións precolombianas desenvolvidas en América, e a súa relixión xurdida no Altiplano Cundiboyacense dos Andes xogaba un importante papel na súa sociedade. O culto solar e a crenza nunha deidade suprema é comparable ó doutros pobos indíxenas de América e doutras partes do mundo. Tezcatlipoca era un deus semellante para os aztecas e Viracocha era a súa contraparte para os incas. Quetzalcóatl e Huitzilopochtli representaban o Sol para os aztecas, e os maias adoraban a Kinich Ahau, mentres que os incas crían que Inti simbolizaba o Sol e creou a súa civilización.[6]