Ciencia medieval

Deus creando o universo a través de principios xeométricos. Frontispicio da Bible Moralisée (1215).
Muller ensinando xeometría. Ilustración do libro Os elementos, de Euclides, na tradución atribuída a Adelardo de Bath (1309-1316).

A ciencia medieval refírese aos descubrimentos no campo da ciencia (ou filosofía natural, como se denominaba daquela) que ocorreron na Idade Media, o período intermedio entre a Idade Antiga e o Renacemento, que representa o comezo de Idade Moderna, segundo a división tradicional dos períodos da historia da humanidade dentro da cultura occidental.

Considérase xeralmente, desde un punto de vista eurocentrista, que tras da caída do Imperio Romano de Occidente (476 d.C.),[1] gran parte de Europa (a Europa occidental) perdeu o contacto co coñecemento escrito, iniciándose a escura Idade Media.

Pero cómpre ter en conta os avances tecnolóxicos e a evolución do pensamento científico do mundo oriental (civilización árabe-musulmá) e, en primeiro lugar, os do Imperio Bizantino que, herdeiro do saber latino, e cos saberes que tomou do mundo árabe-musulmán, e mesmo dos da China, foi decisivo na construción da ciencia moderna.

O período da Idade Media esténdese desde a data antecitada até 1492 (data do descubrimento de América) e coñece un desenvolvemento sen precedente das técnicas e das disciplinas científicas, a despeito dunha imaxe escurantista, propagada polos manuais escolares. Na actualidade, é común considerar o desenvolvemento da ciencia como un proceso continuo e gradual, cos seus antecedentes tamén medievais, e tamén na Europa occidental.

De todos os xeitos, está claro que a Europa Occidental entrou na Idade Media sumida en grandes dificultades que minaron a produción intelectual do continente. Os tempos eran confusos e perdérase o acceso aos tratados científicos da antigüidade clásica en grego, quedando apenas as compilacións resumidas e até deturpadas que os romanos traduciran ao latín.

Porén, co inicio do chamado Renacemento do século XII, renovouse o interese pola investigación da natureza. A ciencia que se desenvolveu neste período áureo da filosofía escolástica daba énfase á lóxica e avogaba polo empirismo, entendendo a natureza como un sistema coherente de leis que poderían ser explicadas pola razón. Foi con esta visión coa que os sabios medievais se lanzaron na procura de explicacións para os fenómenos do universo e conseguiron avances importantes en áreas como a metodoloxía científica e a física.[2] Estes avances foron repentinamente interrompidos pola peste negra, e son case descoñecidos para a maior parte do público contemporáneo, que moitas veces aínda considera o período medieval como unha suposta Idade das Tebras.

De acordo con Pierre Duhem, que pensa que os estudos académicos da ciencia medieval están fundados na crítica que os positivistas da época das Luces, no século XVIII, antiaristotélicos e anticlericais, pódense ver as orixes conceptuais de varios avances da ciencia no renacemento do século XIII, entre os séculos XII e XIV, nas obras de eclesiásticos como Tomé de Aquino e Jean Buridan.[3][4]

  1. A convención histórica determinou que o Imperio Romano de Occidente acabou o 4 de setembro de 476, cando Odoacro depuxo a Rómulo Augústulo. Pero na práctica este asunto aínda é unha cuestión en debate. Porque Xulio Nepote reivindicou para si o título de emperador romano de Occidente, gobernando a provincia de Dalmacia, e foi recoñecido como tal polo emperador Bizantino Zenón I e por Siagrio, que conseguira manter un enclave romano no norte da Galia (coñecido como Reino de Siagrio). Odoacro autoproclamouse gobernador de Italia e comezou a negociar con Zenón. Este concedeulle a Odoacro o status de patricio como unha forma de recoñecemento da súa autoridade, e aceptouno como o seu vicerrei en Italia. Pero ao tempo insistiu en que Odoacro prestase honras a Nepote como emperador occidental. Odoacro aceptou as condicións e até emitiu moedas co nome de Nepote en Italia. Pero iso foi, porén, só un xesto político baleiro, xa que Odoacro nunca devolveu a Xulio Nepote ningún poder político ou calquera territorio. Nepote foi morto en 480 e Odoacro rapidamente invadiu e conquistou Dalmacia.
  2. Oliveira, Terezinha (xuño de 2007): Origem e memória das universidades medievais a preservação de uma instituição educacional [1] (HTML). En Varia história 26 (37): páxs. 113-129. Belo Horizonte. DOI:10.1590/S0104-87752007000100007. ISSN 0104-8775. Consultada o 10 de maio de 2011. (en portugués)
  3. Duhem traballou en Les origines de la statique en 1903, cando topou coas referencias de Jordanus Nemorarius. Isto provocou o seus sagaces estudos sobre a ciencia e a cosmoloxía medieval, que apareceron por primeira vez publicados en 1913 como Le Système du monde (só cinco dos seus dez volumes foron publicados antes da súa morte). Foron traducidos ao inglés por Roger Ariew baixo o título Medieval Cosmology. Cf. Pierre Maurice Marie Duhem Arquivado 26 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. (en inglés)
  4. Jordanus Nemorarius foi un matemático do século XIII do que se teñen poucos datos. Coñécense varios traballos seus, pero non se sabe nada da súa vida. O dominico inglés Nicolás Triveth nunha crónica, identifícao con Jordanus Saxo ou Xordán de Saxonia, quen en 1222 fora o sucesor de San Domingos de Guzmán como superior da orde, e a quen atribúe as obras de Nemorarius De ponderibus Jordani e De lineis datis Jordani. Sobre esta base afírmase que naceu en Borgentreich, actualmente distrito de Höxter, Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, e que morreu nun naufraxio. Porén, Hughes (1981) cuestiona esta identificación, porque nin Nemorarius se identifica como sacerdote, nin como Saxo, nin o superior dominico se refire como Nemorarius nos documentos da época, nin o nome de Jordanus Nemorarius aparece en ningunha lista de clérigos. A única referencia probada é unha nota de 1250 de Richard de Fournival, chanceler da Catedral de Amiens, que enumera as obras que desexaba obter para a biblioteca, e inclúe catro libros de "Jordanus Nemorarius".

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne