Cifra

Unha cifra, díxito ou algarismo é un signo ou carácter que serve para representar un número. En matemáticas e ciencia da computación, un díxito numérico é un símbolo, p. ex. 3, usado en numerais (combinacións de símbolos), p. ex. 37, para representar números (enteiros ou reais) en sistemas de numeración posicionais.

A palabra cifra vén do árabe ṣifr, 'cero' (que despois se ampliou para os outros díxitos), e díxito provén do latín digitus, 'dedo', porque os 10 dedos corresponden aos 10 díxitos no sistema numérico común en base 10, isto é, un díxito decimal).

Un díxito é cada unha das cifras que compoñen un número nun sistema determinado; no sistema decimal son: 0 (cero), 1 (un), 2 (dous), 3 (tres), 4 (catro), 5 (cinco), 6 (seis), 7 (sete), 8 (oito) e 9 (nove). Así, 157 componse dos díxitos 1, 5 e 7.

Por tradición, polo menos desde a época do Antigo Exipto, utilízase o sistema decimal, debido ao moi antigo uso dos dez dedos da man para axudar a contar, aínda que non hai ningunha razón especial para que un sistema de numeración deba utilizar a base dez.

No sistema decimal necesítanse 10 díxitos, aínda que teñen diferente valor en función da súa posición, pois se agrupan de dez en dez, isto é, mediante decenas (101), centenas (102), millares (103) e así sucesivamente. Este método de notación posicional, agrupando de dez en dez, provén da India, de transmitiuse a Occidente polos matemáticos musulmáns durante a Idade Media.

O máis simple é o sistema binario, que só precisa de dous díxitos, xeralmente representados por 0 e 1; no sistema binario agrúpanse de dous en dous: dous (21), catro (22), e así sucesivamente. É un sistema moi empregado en informática.

Exemplos de díxitos inclúen calquera dos caracteres decimais desde "0" até "9", ou dos caracteres do sistema binario "0" ou "1", e os díxitos "0"..."9", "A",...,"F" usados no sistema hexadecimal. Nun sistema de numeración dado, se a base (radical, en inglés radix) é un enteiro, o número de díxitos necesarios, incluíndo o cero, é sempre igual ao valor absoluto da base.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne