Circo

Un toldo dun circo
Un número de circo baixo toldo

Un circo é un recinto circular estábel ou ambulante, onde os artistas realizan diversos exercicios de ximnasia, acrobacia, doma de animais, espectáculos de pallasos etc., para un público que está arredor do escenario. Por extensión tamén se denomina así ao conxunto de exercicios e espectáculos que se fan nese recinto, así coma ás persoas relacionadas con este espectáculo[1].

O espectáculo artístico pode incluír acróbatas ou saltimbanquis, contorsionistas, equilibristas, escapoloxistas, forzudos, homes bala, magos, malabaristas, mimos, monociclistas, pallasos, titeriteiros ou marioneteiros, cuspefogos, engulidores de espadas, trapecistas, ventrílocuos, andadores en pernas de pau, adestradores de animais e outros artistas. É presentado no interior dun gran toldo que conta con pistas e chanzos de asentos para o público. As pistas dos circos adoitan ser áreas circulares onde se presentan as funcións; por conseguinte, o circo de tres pistas é considerado máis atractivo pola variedade de espectáculos que se gozan ao mesmo tempo.

No século XXI existen circos estábeis e fixos xeograficamente, e algúns destes non posúen actos que inclúan animais, mais en moitas ocasións o circo continúa co seu carácter pasaxeiro, que pode ser anunciado por un desfile, avisando que o circo vai chegando á vila. As artes circenses hoxe non son únicas das pistas do circo, senón que tamén son empregos e subempregos desenvolvidos noutros locais, nas rúas das cidades, hoteis, cruceiros...

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para circo.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne