Cirenaicos

Aristipo de Cirene, fundador da Escola Cirenaica.

Os cirenaicos (do grego: ΚυρηναϊκοίKyrēnaïkoí—) son unha escola filosófica sensual hedonista grega fundada no século IV a. de C. supostamente por Aristipo de Cirene, aínda que se cre que moitos dos principios foron formulados polo seu neto, do mesmo nome, Aristipo o Novo. Esta escola sostiña que a felicidade é a tranquilidade que se obtén polo autodominio. Polo "ben" entendían pracer inmediato e, neste sentido, considerábanos hedonistas.[1][2]

O seu hedonismo non parte do desexo de levar unha vida voluptuosa senón da indagación nos fundamentos do valor. Influídos polo relativismo de Protágoras, entendían o coñecemento desde unha óptica sensista e subxectivista. As ideas e os conceptos tiñaos por inseguros e dubidosos. Por iso, non compartían o punto de vista de quen pretendían fundamentar o valor en meras especulacións. Polo contrario, encontraban no pracer —que se percibe inmediatamente na experiencia sensíbel— a garantía do valor, a súa evidencia. Hirschberger di que o hedonismo da escola de Cirene “ten unha base epistemolóxica sensista”.

Os cirenaicos poden considerarse antecesores dos epicúreos, pero diferenzanse destes porque a súa concepción do pracer é dinámica, en canto a busca do goce corporal e sensible. O autodominio, ideal compartido por todas as escolas socráticas, era entendido por eles como a administración dos praceres (utilizar as circunstancias para conseguir o pracer, sen deixarse dominar polo desexo de obtelo). A escola cirenaica tamén mantivo relación con algúns discípulos de Fedón, os chamados eretrienses. A pesar dos esforzos dos fundadores por non caer en posturas fáciles, os cirenaicos posteriores transformaron as doutrinas da escola en meras xustificacións da vida indolente dos que só buscan o seu propio pracer.

  1. "Cirenaicos". En Rosental, M.; Iudin, P. Diccionario filosífico abreviado. Ed. Pueblos Unidos. Montevideo, 1959.
  2. "Cirenaicos". En Frolov, I. T. Diccionario de Filosofía. Editorial Progreso. Moscova. 1984.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne