O citocromo c (cyt c) é unha pequena hemoproteína que se encontra feblemente asociada coa membrana mitocondrial interna. Pertence á familia do citocormo c de proteínas. O citocromo c é unha proteína moi soluble, o que a diferenza doutros citocromos, xa que ten unha solubilidade duns 100 g/L. É un compoñente esencial da cadea de transporte de electróns, na cal transporta un electrón. Pode sufrir oxidación ou redución ao transferir electróns, pero non se une ao oxíxeno. Transfire electróns entre os Complexos III (coencima Q-citocromo c redutase) e IV (citocromo c oxidase) da cadea respiratoria. Nos humanos, o citocromo c está codificado polo xene CYCS do cromosoma 7.[1][2][3]